Friday 03 de May de 2024

Oito bandas participarán na primeira “batalla” para o Flores Rock


Mr. Kamandula, Liberad al Kraken, Crowded – A Coruña, GraveRoad St, Demenzia Sozial, Rusty Nuts, NOXXO e ‘A sombra dos soños’ de José Carballido concursarán o 8 de xullo na sala O Túnel

A entrada ao concurso terá un custo de 3,5 euros con consumición e corresponderá a un voto

Xa se coñecen os participantes da primeira “batalla” de bandas do Flores Rock, convocada polo Concello da Coruña e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores co obxectivo de darlle a oportunidade a bandas locais menos coñecidas de poder actuar como convidados no festival. Mr. Kamandula, Liberad al Kraken, Crowded –

A Coruña, GraveRoad St, Demenzia Sozial, Rusty Nuts, NOXXO e ‘A sombra dos soños’ de José Carballido serán as bandas e artistas que concursarán na batalla do Flores Rock o vindeiro 8 de xullo na Sala O Túnel. A entrada ao concurso terá un custo de 3,5 euros con consumición e dará dereito a un voto.

O xurado, composto polos organizadores do Flores Rock, escolleron oito bandas finalistas entre un total de 32 presentadas. Para participar as bandas debían presentar un total de tres temas orixinais e posuír un repertorio en directo que tivese como mínimo un 70 % de temas orixinais e non inferior aos 50 minutos, con estilos musicais enmarcados dentro do rock (rock’n roll, folk rock, post rock, rhythm&blues, hard rock, stoner, garage, noise, hardcore, punk-rock) e o metal (heavy, power, thrash, speed, death, grind, black, doom, gótico, industrial, nu-metal, metal alternativo).

Unha vez pechado o período de inscrición, o xurado seleccionou oito bandas que pasan á fase final, cunha presentación en directo de 30 minutos onde se admitirá un máximo de dúas versións de temas non orixinais. Tras a finalización das actuacións de todas as bandas procederase á votación que contará co voto do público e do xurado, de tal maneira que o valor do voto do público presente será dun 49 % e o valor do voto do xurado suporá un 51% do total. As tres bandas gañadoras designaranse en función da puntuación total na valoración do xurado e do público, de acordo coas porcentaxes marcadas.

O voto do público realizarase a través da entrada, de maneira que cada persoa teña dereito a un voto e deberá marcarse no mesmo billete sinalando a bandeira seleccionada. No caso de que un billete teña sinalada máis dunha banda, considerarase voto nulo.

O xurado estará composto por cinco membros que contarán cun representante do IMCE, un/unha promotor/a musical dunha sala de concertos da cidade, un representante dun estudio de gravación da cidade, un representante dunha empresa de gravación de vídeo da cidade e un representante experto designado pola organización.

As tres bandas que resulten gañadoras actuarán no Flores Rock, o 2 de setembro, e optarán a tres tipos de premio. O terceiro premio consiste nun concerto nunha sala da cidade, aínda por determinar, o segundo premio consista na gravación dun videoclip dunha canción orixinal da banda e o primeiro premio consiste na gravación dun EP, co que a banda gañadora poderá sacar ao mercado a súa música.

A iniciativa enmárcase dentro das accións levadas a cabo polo Goberno de Ines Rey para promocionar a música e aos artistas locais.

Biografía das bandas

Rusty Nuts xorde en Carballo hai tres anos, cando catro amigos deciden comezar esta aventura coa intención de aprender e pasalo ben. Noel, á guitarra, Manuel, á voz e á guitarra, Pablo Z., á batería e Pablo R. ao baixo, forman un cuarteto de estilo punk-rock. Mr. Kamandula é unha banda fundada en Cerceda hai máis de 10 anos por Luís do Muíño e Alberto Dubra, en paralelo a outros proxectos para desenvolver o seu gusto polo hard-rock.

Despois dalgúns cambios na formación, hoxe complétana David Mosquera e Alberto Salas.
O seu repertorio está formado por cancións propias de hard-rock en galego. Tamén tocan clásicos do hard-rock e do heavy, de bandas que consideran os seus referentes, como AC/DC, Iron Maiden, ZZ Top ou Thin Lizzy.